La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que coincidín con el nunha reunión, ía vestido cun xerxei de la de angora dunha cor amarela intensa, o cal lle daba unha aparencia de polo acabado de nacer ou quizais de ovo frito a punto de rachar. Adornaba o pescozo coidadosamente cun elegante pano de seda no que aparecían debuxadas en ocre unhas pequenas ferraduras de cabalo e lucía na man esquerda varios aneis de ouro, un deles cunha pedra verde bastante espectacular. Se non fose porque eu sabía que era escritor, podía tomalo por outra cousa calquera.

Pasou a velada facendo comentarios divertidos sobre os colegas que interviñan nos debates. A verdade é que, deixando a unha parte consideracións doutro tipo, poucas veces asistín a un dispendio tan alto de enxeño e nunca, absolutamente nunca, escoitei unha lingua tan malvada, tan perversa e tan diabólica.

O curioso do personaxe é que ten púlpito montado na vida pública e que predica con voz de ovella sobre as excelencias da bondade, as delicias do amor universal e a solidariedade fraterna. O éxito é extraordinario. Onte contoume un amigo, profesor da universidade de Murcia, que recentemente o levou a dar unha conferencia: un millón de pesetas* e a sala rebentando de xente. Cando rematou, varias ducias de señoras querían un autógrafo. Polo baixo, fiel a si mesmo, o escritor díxolle ao meu amigo: “¡Libérame de esta chusma!”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de outubro de 1994.

(*) aprox. seis mil euros.