La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

¿Quen non se acorda dos “pelotas”, aqueles pobres homes que aparecían todas as semanas arrastrándose polo chan nas divertidas viñetas da revista La Cordorniz? Alguén me asegurou nunha ocasión que se trataba de tipos reais, escollidos polo debuxante entre a rica fauna que habitaba entón en numerosas dependencias do Estado. Mesmo chegaron a darme o nome dun deles, natural de Ourense, que polas noites acudía a unha residencia oficial a facer de burro na alfombra para os nenos dun mando.

O pelota dáse adoito en terras nas que non medra a liberdade. O poeta e académico José Antonio Bilbao contoume que no seu país, Stroessner chegou a ter a un funcionario ao seu servizo para que lle espantase as moscas da cabeza. Dise que Luís XIV realizaba as súas necesidades maiores nunha especie de púlpito, rodeado de cortesáns que se desfacían en eloxios sobre a delicadeza do perfume.

En Serbia parece que coa guerra tamén medra a especie. No congreso do partido que dirixe Slobodan Milosevic, ese bandido, os eloxios dirixidos ao xefe permiten facernos unha idea elocuente tanto da calidade intelectual e humana das persoas que os emiten como da catadura moral do tipo que os recibe. Houbo de todo: uns falaron das innumerables virtudes do caudillo; outros buscáronlle difíciles parangóns da Historia. Un tal Jovan Djordjevic manifestou simplemente que cada vez que Milosevic aparece na televisión, el bica a pantalla.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de outubro de 1992.