La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando falei aquí dun cura goliardo ao que coñecín e tratei hai anos, aludín tamén a un amigo seu contrabandista, a quen el axudou a fuxir do cárcere de Chaves a tiro limpo. Era, como dixen, traficante de mercancía pequena, unha especie que abundaba naquel tempo, alá polos anos cincuenta. Eu coñecín varios, entre eles un señor abade con parroquia na raia seca, home de puro na boca e revólver no peto da sotana, que se impuña por presenza: un oitenta largos de estatura, barriga tipo cadeira e pescozo de boi bravo.

Estes contrabandistas caían ás veces nas mans de don Florentino Cuevillas, que era xuíz do ramo na Delegación da Facenda en Ourense. Entre a piedade e a xustiza, don Floro tiña elixido a primeira, coa bondade a caño libre. De Madrid mandaron un inspector para sancionalo e volveu morto de risa.

Dicía don Ramón Otero Pedrayo que coas historias dos contrabandistas de Cuevillas se podía facer unha gran novela. Eu sei bastantes daqueles contos grazas a Xulio Losada, o mellor  conversador de Galicia, que foi axudante de don Floro naquel oficio e que mos ten contado. Este último, no acto de xulgar, rifaba coas señoras que foran soprendidas pola Garda Civil pasando un paquete de tabaco. Rifáballes por non coñecer os sitios seguros, onde non había vixilancia. Total, ao final acabaron quitando a fronteira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de outubro de 1996.