La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que montei nun burro, alá cando tiña sete ou oito anos, o animal fixo un xesto inesperado, baixou a cabeza bruscamente e eu marchei polo pescozo abaixo, igual que se caese por un tobogán. Por aquela época, quizais no mesmo verán, un día que estaba xogando coa miña irmá no camiño que pasaba por diante da finca dun tío noso, na aldea de Sabucedo, outro burro que camiñaba por alí enganchouna a ela coa ferradura por un dedo e levouna a rastras durante varios metros. Aínda podo escoitar os berros.

A pesar dos auxilios do meu tío, que lle fixo as curas oportunas, incluídos catro ou cinco puntos, aquela man, convertida nunha verdadeira empanada, foi o acontecemento daquelas vacacións. Iso quere dicir, entre outras cousas, que os mimos se reservaron para a vítima do estropicio e que aos demais nos fixeron pouco caso.

Aínda así, nunca lle quixen mal aos burros. Empezando polo nome, creo que o mundo nunca lles fixo xustiza. En realidade, non se trata dun animal de poucas luces. Supoño que a mala fama lle debe vir da aparencia, pois ten cara de infeliz. Pasa igual co porco, que no fondo é bastante limpo, pero a xente tenlle en cambio a consideración dun cocho ou dun marrán. Polos periódicos sei que nunha vila vasca fixeron estes días un concurso para elixir o burro máis guapo. Penso que sería mellor elixir o burro máis listo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de outubro de 1995.