La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Querría saber que foi de Coco, un neno que coñecín en Suecia hai máis de vinte anos. Estouno vendo na súa casa, sentado nunha butaca, chupando o dedo gordo dunha man, como ausente. Ou apartado no xardín, medio escondido, cos ollos mirando igual que miran os animais asustados. Creo que nunca me atopei na miña vida cun neno tan triste. A pesar de que pasei moitas horas cos seus pais, custaríame dicir agora se o escoitei falar algunha vez, aínda que estou seguro de que non o escoitei falar case nunca. O que máis lle gustaba era acocharse no colo da nai, envolverse sobre si mesmo, meter o dedo na boca e permanecer así durante horas.

O Coco era o máis pequeno dunha familia formada polos pais e tres rapaces, os tres de pouca idade. Vivían nunha casa grande e fermosa, cun xardín amplo e ben coidado, sen privacións de ningún tipo. Tiñan diñeiro vello, de varias xeracións, que lles permitía vivir moi ben, por moito que pesaba sobre eles unha horrible traxedia, da que falaban pouco, pero que un día me contaron con bastantes detalles.

A cousa empezou unha madrugada, cando na súa terra de orixe botaron abaixo a porta da súa casa a patadas e levaron presos aos pais, sen saber por que razón. A el, non, pero a ela torturárona ata extremos que a vergonza e a dignidade lle impedían falar daquilo. Logo metéronos en cárceres distantes entre si. Para a nai, o peor de todo eran as visitas, cando Coco, ao despedirse, se agarraba aos barrotes de ferro e quería quedar con ela. Acabaron en Suecia, acollidos por aquel país. Espero que Coco, que agora será un home, sexa feliz. Supoño que o xeneral responsable daquela inxustiza non o foi nunca. Seguro que estes días tampouco estará contento.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de outubro de 1998.