La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Faime graza escribir este artigo a bordo dun coche, ás oito e cuarto da noite, mentres me levan a pouco máis de trinta quilómetros de Fráncfort. Todo un símbolo dunha maneira de vivir.  Aínda que a feira do libro segue un día máis, para min chegou a hora da retirada, é dicir, o momento de pasar algún tempo na casa antes de que teña que facer de novo as maletas para ir a outro sitio. Este nomadismo no que levo instalado anos, e que me vai convertendo nun home un tanto desarraigado. Claro que, como se dicía antes, sarna con gusto non pica, por moito que isto non sexa propiamente a sarna, e pique algo máis do que algúns poderían imaxinar.

Se digo a verdade, gústame viaxar e perderme só polas cidades, nas horas libres, sentar nunha terraza a tomar un café e  ver pasar a xente, deitarme tarde se teño con quen falar, que case nunca falta, erguerme cedo para almorzar, e ler o periódico tamén de xeito demorado. Se a felicidade se parece a algunha cousa real e tanxible,  non a unha idea, para min aproxímase bastante a isto que acabo de dicir, quizais con outros pequenos detalles, como pode ser entrar nunha tenda e mercar algo moi apetecido.

Sen embargo, non todo é tan fermoso. No sei por que razón as viaxes van facendo a un bastante descreído. Moitas veces teño pensado que isto de viaxar é como verlle as tripas ao mundo ou como asistir a un espectáculo de maxia metido dentro do sombreiro dun ilusionista. Recordo a alegría que sentín en Madrid hai uns meses, cando ía no tren dos escritores, e un dos responsables da organización, no seu discurso, citou un conto meu con grandes eloxios. Nada máis chegar a París, decateime de que os mesmos ditirambos eran alí para un francés, en Bélxica para un belga e así ata o final.  Unha golfería non exenta de graza, pero golfería. A mesma que lle escoitei dicir a un escritor croata onte na feira: que o premio Nobel é unha farsa. A non ser que llo dean a el, por suposto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de outubro de 2000.