La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1916, o goberno británico aforcou a un nacionalista irlandés, Roger Clement, que desde entón é considerado un heroe no seu país. Moito tempo despois, en 1959, un editor inglés fíxose cos diarios íntimos do mártir e atreveuse a publicalos. O atrevemento consistiu en superar o temor que lle inspiraba enfrontarse á imaxe dun home que para moitos dos seus compatriotas tiña o carácter dun mito intocable. Neses cadernos privados, Clement confesaba a súa condición de homosexual.

Pódese aforrar calquera comentario sobre as reaccións que se produciron en Irlanda cando se deron a coñecer os diarios. Os máis benévolos limitáronse a negar a autenticidade dos textos. Os máis malvados acusaron o editor de manipular a historia. Os máis estúpidos dixeron que era un axente ao servizo dos ingleses.

Ninguén se atreveu entón a ser valente e dicir o único sensato que se podía dicir, que o feito de que Clement fose homosexual non impedía que fose tamén un patriota. Agora, máis de trinta anos despois, unha investigación rigorosa acaba de demostrar que os diarios son auténticos. Os máis intelixentes aceptan os resultados en silencio, pero os máis tontos seguen empeñados en falar dunha conspiración. Hai cabeciñas tan pouco dotadas para razoar, que o simple roce da intelixencia as acaba constipando.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de outubro de 1993.