La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados, co motivo da campaña electoral, conteino varias veces, polo menos en dúas emisoras de radio. É unha historia que circulou en Lisboa hai anos e que o protagonista lle confirmou como rigorosamente certa a un amigo meu. Sucedeulle a Mário Soares nunha das campañas que fixo para a presidencia de Portugal e a culpa do disparate foi dos seus asesores de imaxe, empeñados en que o candidato debía de cultivar a  práctica, polo demais bastante frecuente, de bicar os nenos en público.

O acto estaba programado e previsto. Os expertos dixéronlle a Soares que nunha vila onde tiña que falar, ao pé da tribuna prevista para a ocasión, estaría colocado un rapaciño, xusto un par de metros antes das escaleiras. Cando chegou o momento, o famoso político portugués cumpriu de maneira disciplinada co mandado.

A sorpresa xurdiu cando tiña o neno alzado nos brazos, á altura do rostro, e se dispuña a darlle o bico. Nese instante, Mário Soares descubriu horrorizado uns bigotes espesos e negros. Era un señor anano. Co nerviosismo, o candidato á presidencia da República, en vez de deixalo no chan, tirou con el. Menos mal que non se decatou case ninguén. Supoño que Soares non volveu caer nesa tentación, do cal me alegro. Como método publicitario resulta bastante cursi. Por sorte, na campaña galega apenas se utilizou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de outubro de 1997.