La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era neno e pasaba algúns días en Lamas, preto de Xinzo de Limia, estaba fascinado polas escaleiras de pedra dunha casa que había ao lado da igrexa parroquial. Alí, uns anos antes, un home matara a súa muller cun coitelo de sangrar os porcos. Desde entón, o asasino estaba en presidio cumprindo a pena de cárcere. Un día, pouco tempo despois, correu a noticia de que o puñan en libertade. Naturalmente, eu sentía curiosidade por velo, aínda que debo dicir que tiña del a imaxe do que debía ser un monstro.

A primeira vez que o vin, creo que ía atravesando a ponte sobre o río Limia, alá polo campo da feira. O aspecto non era malo, aínda que gardaba certa semellanza cunha alimaña, non por cousas da alma, senón porque parecía un bicho esquivo e cauto, coa mirada nerviosa, como se temese un asalto ou unha emboscada.

Daquela, eu non entendía como a un home que mata a súa muller non o mataban tamén a el. Xa se sabe que os nenos utilizan unha lóxica simple e que confunden a xustiza coa crueldade. Nestas cuestións, en cambio, os maiores sérvense da lóxica e tratan de adecentar con argumentos formais sentimentos de vinganza. O outro día, nos periódicos viñan as fotos duns deputados de non sei onde votando a favor da pena de morte. Un deles, coa man alzada, miraba de esguello a un compañeiro. Espero que fose amigo seu.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de outubro de 1996.