La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Xa falei tantas veces do que vou contar que case me dá apuro repetilo. Refírome á profecía máis cómica de toda a historia, que foi feita polo célebre MacLuhan hai xa moitos anos, cando el pensaba, como Orwell, que os oitenta quedaban tan lonxe que se podía pensar neles como nunha especie de futuro utópico e máxico. Agora que aquela década pasou e imos empezar a terceira desde entón, observamos que o mundo avanza moitísimo, pero máis a paso de elefante que a velocidade de avión. O caso foi que o citado MacLuhan prediciu, alá polos anos sesenta, que en 1984, se non recordo mal, desaparecería o libro. Quen desapareceu foi el, que morreu ademais o 31 de decembro daquel ano, xusto para comprobar canto se tiña equivocado.

Onte pasei un par de horas no pavillón número 4 da feira do libro de Frankfurt, onde se expoñen todos os avances e as novidades sobre o que se chama o libro electrónico. Nada especial que salientar: pantallas e máis pantallas de ordenador, cámaras ultramodernas, miles de discos dixitais e, sobre todo, señores moi seguros que tratan de vender como poden os seus produtos.

Eu confeso que non son un fanático de nada, nin sequera dos libros, a pesar de que constitúen unha das paixóns santas da miña vida. Non obstante, creo que teñen un futuro espléndido por diante, aínda que deban compartilo nos anos que veñen con outros sistemas de lectura. Resulta normal, da mesma maneira que andar en coche non supón nin a desaparición das bicicletas nin a dos cabalos nin, moito menos, o costume de camiñar a pé. Por certo que isto de andar podíase mellorar un pouco: uns zapatos con rodiñas e motor incorporado, cousa que non debe ser difícil tecnicamente. Nesta feira enorme, desde logo, agradeceríase.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de outubro de 1999.