La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola noite, nun acto literario, atopeime cun vello amigo que me fixo entrega dun regalo: un sobre con dúas fotografías dentro. Abrino e alí estaba eu co equipo de fútbol da miña vila, o Antela, nesa instantánea característica na que os xogadores aparecen colocados en dúas filas: atrás e postos de pé, o porteiro cos tres defensas e aqueles outros dous que entón se chamaban medios, e diante, agachados, os cinco dianteiros. Nunha das fotos aparezo eu cunha abundante melena, cousa que non recordo, e situado nunha posición que non era a miña.

Tiña dezaoito anos. Na outra, estou agachado, pero levo unha camiseta distinta dos demais, o cal quere dicir que non xoguei, polo menos ao principio. Pola data que figura no dorso, estaba a punto de cumprir os vinte. Así como na primeira foto di que corresponde a un encontro co Verín, sen mencionar o resultado, na segunda pon claramente que foi un partido co Maceda e que nos gañaron 1-2, é dicir, na nosa casa. Onde quedaría a rabia pola derrota? Xa me gustaría sentila aínda.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de outubro de 2000.