La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día escoiteille dicir a unha señora que nunca, polo que ela pode recordar, se atreveu a retirarse a durmir sen mirar antes detrás das cortinas e debaixo da cama, en busca de non se sabe que clase de fantasmas. Eu tiven unha parenta que facía o mesmo, pero hai xa moitos anos, nunha casa inmensa, na que ademais non había luz eléctica e onde se cometera unha morte, precisamente nun salón que había que atravesar de forma inevitable para retirarse pola noite, cada un á súa alcoba, cun quinqué na man.

Un tío meu, que viviu só durante moito tempo nesa mesma casa da que falo, dicía que o medo axudaba a soportar a soidade. Ignoro o significado que lle daba a esta frase, porque nunca llo preguntei, pero dáme a impresión de que debía ser unha maneira de fuxir da monotonía. Despois de todo, daquela non había tanta diversión.

Hai medos que se parecen a grandes novelas. Non recordo agora onde lin unha historia, contada como certa, sucedida nun castelo da Bretaña, polos corredores do cal se paseaba todas as noites a perna de madeira dun conde morto, acompañada dun gato negro. Xa me gustaría a min crer nesas cousas e pasar horas na escuridade dunha casa vella vendo e escoitando esa clase de visións de ultratumba. Desgraciadamente, xa non é posible. O medo consiste agora en ver tripas e vísceras na televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de outubro de 1995.