La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día falaba aquí do efecto bolboreta, esa capacidade que teñen algunhas cousas insignificantes para desencadear efectos desmesurados. Onte mesmo, mentres voaba de Nova York a Chicago, fun lendo no avión un libro sobre esta cidade. Souben entón que o terrible incendio que a destruíu en outubro de 1871 foi provocado por unha vaca. Segundo pareceu aceptar todo o mundo, o animal rachou un farol que prendeu na corte e desde alí, levado polo vento, o lume deixou a 90.000 persoas sen casa.

A verdade é que, tal como puiden comprobar, Chicago é unha cidade moi venteada. Contáronme que no inverno, cando sopra forte da parte do lago Michigan, nalgunhas prazas teñen que estender grosas sogas para que a xente se poida agarrar a elas con forza e atravesar sen perigo de ser arrastrada ou derrubada.

Estes días o tempo está bo, non obstante, incluso máis caloroso do que corresponde a esta época do ano. Aínda tratándose da segunda cidade dos Estados Unidos, cando un chega a ela dúas horas despois de abandonar Nova York, produce a falsa sensación de ser pequena e provinciana, algo que os seus habitantes non están dispostos a aceptar de boa gana. Ao seu favor ten a mellor arquitectura do mundo neste século, a limpeza sorprendente das rúas e o encanto dunha música de jazz e blues incomparable.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de outubro de 1994.