La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai poucos días recordei aquí unha señora de Ourense que tiña na súa casa unhas chafalladas fantásticas, entre elas, as zapatillas de Viriato e uns calzoncillos do Cid Campeador ou algo parecido. En Zaragoza, alá polos anos sesenta, apareceu un cura vello dicindo que gardaba na sancristía, pechada nunha pequena caixa de cristal, un cacho dunha uña de César Augusto. Polo visto, a reliquia levaba anos enterrada no lugar e apareceu co motivo dunha reforma ou escavación. O señor abade, temeroso de que alguén puidese empregar o descubrimento en contra da Igrexa Católica, sobre todo pola idea de que a parroquia estivese edificada sobre un templo pagán anterior, mantivo agachado o descubrimento durante máis de trinta anos.

Esta afección polas reliquias, sexan santas ou non santas, está bastante estendida, tanto que se podería dicir que é universal. Por exemplo, na antiga Unión Soviética, onde oficialmente non se permitía a práctica da relixión, había moitos cidadáns que se chufaban en privado de dispoñer de obxectos relacionados con Lenin, especialmente botóns das súas chaquetas.

Con todo este material poderíase facer seguramente un museo fantástico, dos máis atractivos  do mundo. Esta idea xurdiu o outro día na Coruña, mentres un grupo de amigos ceabamos co escritor Jorge Edwards. Foi el quen nos contou que no seu país, un grupo de vellos divertidos e ociosos, cun sentido do humor intelixente e cáustico, tiñan organizado un museo desas características. Nel exhibían, por exemplo, a Caixa de Pandora, a Carabina de Ambrosio, a Espada de Damocles e outros obxectos míticos semellantes. Os galegos, que somos tan ambiguos, poderiamos aportar a ese museo Os Tempos de María Castaña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de setembro de 1999.