La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo que acaba de regresar de Colombia dime que a vida dunha persoa, naquel país, vale arredor de cinco mil pesetas, que é o prezo que cobra un sicario por desfacerse de alguén por encargo. Outras veces nin sequera hai que pagar, tírase de pistola, dispárase e xa está. O motivo pode ser trivial. Por exemplo, protestar porque algún individuo prepotente e ben situado se salta unha cola no aeroporto ou en calquera outro sitio, práctica que polo visto é bastante habitual entre os que mandan.

Naturalmente, quen manda non é o Estado, senón a mafia, unhas bandas de tipos armados que van e veñen coas pistolas evidentes e visibles, exactamente igual que os policías. Non hai forza no país que lles gañe nin en diñeiro nin en audacia nin en poder. Se quixesen, poderían facer de Colombia o país máis rico do mundo e seguir sendo eles inmensamente ricos tamén.

Non queren. Como Ánxel Fole, que cando chovía e andaba en coche valoraba aínda máis a súa sorte ao ver aos que ían a pé mollándose polos camiños, tamén os mafiosos gozan con luxuria da súa riqueza mastodóntica ao contemplar a porca miseria dos demais. De cando en vez, collen a un rapaciño de trece anos, danlle unha pistola e encoméndanlle unha misión. É moi fácil, apútanse de cerca, apértase o gatillo e xa está. Cobrar, cobran por adiantado. Despois de todo, aínda que fallen, cinco mil pesetas non son nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de setembro de 1992.