La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De Leda, a miña cadela labradora, falei varias veces nesta columna. Como saben as persoas que coñecen esta raza, trátase de animais moi intelixentes, pacíficos e tranquilos, amigos dos nenos e outras moitas virtudes, entre elas a de seren moi bonitos, pero sen parecer nin raros nin empalagosos: son simplemente cans, incluso a xente non experta pode confundilos con palleiros, eles que pertencen á aristocracia do xénero. Leda, ademais, ten unha árbore xenealóxica documentada que equivale, salvas sexan todas as salvidades, á da duquesa de Alba.

Unha das frustracións que teño con esta cadela marabillosa é que nunca deu descendencia. En varias ocasións trouxémoslle exemplares preciosos, como ela, da mesma raza e condición, acreditada por papeis, pero desprezounos altivamente, como se tivese feito voto de castidade. O outro día, sen embargo, vina xogando moi feliz cun can miseria, un pura birria, feo e ridículo, con cara de peixe afogado. Deume unha indignación arrebatada. A min, que nunca me tiven por racista…

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de setembro de 2000.