La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non darei moitos datos para que non se identifique o protagonista que, por outra parte, xa morreu. Era avogado de profesión, solteiro e solitario. Contábase del que tiña paixón polos libros feos e as revistas guarras e que viaxaba a Portugal para ver o cine licencioso que daquela aínda non se proxectaba en España. Eu falei con el un par de veces e saquei a conclusión de que non estaba ben da cabeza, por máis que se tratase dun señor intelixente e educado. Polo aspecto, podía pasar por unha persoa normal.

Por casualidade, ou talvez con premeditación aleivosa, un día fíxose coa prenda dunha veciña á cal sorprendeu nun mal transo, en pleno campo. Non se lle ocorreu outra cousa que agardar por aquela muller no portal, exhibindo o trofeo, que prometeu entregar a cambio de algo que non será necesario aclarar moito máis.

A señora suplicoulle que lle devolvese a proba do desliz a cambio de nada, por compaixón, pero o tipo negouse en redondo. A escena durou tempo, sumida a vítima nun mar de lágrimas e envalentonado o elemento pola seguridade dunha vitoria ao alcance da luxuria. A esperanza acabou no momento en que a pecadora, como unha gata, pasou ao ataque: deixouno feito un cristo. Cando vexo a esta muller, tan pequeniña, penso na forza da dignidade e trato de convencerme de que o criminal non sempre gaña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de setembro de 1995.