La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Madrid para participar nun dos xurados do Premio Nacional de Literatura e aproveitei as horas que me sobraron para facer algúns recados. Mentres ía pola rúa, decateime de que no centro da cidade abundan as pintadas, pero case ningunha de tipo político, a non ser un par delas que dicían: “Malasaña contra el fascismo”. Pola color deume a impresión de que eran resesas, restos quizais dalgún problema con bandas violentas ou algo polo estilo.

A maior parte das pintadas, non obstante, son firmas de aspecto ilexible, parecidas a aquela do rapaz que se fixo famoso pintando un muelle nas paredes de media España. Supoño que esta moda está copiada de Nova York, onde antes, hai uns anos, empezou no metro e acabou pasando despois ás furgonetas de reparto, que se converteron nunha especie de muros ambulantes, o retrato das cales figura agora en libros onde se estuda aquel fenómeno social. Non esquezamos que Keith Haring, o célebre pintor, se iniciou dese xeito.

Se digo a verdade, ningunha das pintadas me pareceu destinada a durar demasiado tempo, aínda que case todas poderán permanecer anos e anos nas paredes das casas onde foron pintadas. No medio de toda esa parafernalia gráfica, vin unha única excepción. Nunha tapia enorme, fronte dun edificio de aspecto nobre, había un escrito en letras grandes e negras que dicía: “Manoli, eres una estúpida y vete a la mierda”. Supuxen que Manoli debía vivir por alí, quizais no edificio aludido. Vese que esta rapaza, da que non sabemos absolutamente nada, tivo moita menos sorte que outra veciña do mesmo barrio, á cal lle escribiron naquela tapia: “Chiqui, te quiero”. Excelente para Chiqui, pero a min quen me cae ben é Manoli.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de setembro de 1999.