La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ler nun periódico que o famoso Henry Lee Lucas, condenado a morte hai xa varios anos, aínda vive. A verdade é que eu o daba por morto e sepultado. Como se recordará, este famoso personaxe estivo acusado de máis de mil asasinatos, incluído o da súa propia nai. O que sucede é que un día se demostrou que aquela inmensa carnicería, a máis grande de toda a historia do crime individual, non fora máis que un invento feito por el mesmo para saír na televisión e converterse nunha celebridade.

A patraña empezou cando a policía o acusou de ser o autor de varias mortes ata entón sen resolver e isto espertou a atención dos periódicos e demais medios, que acudían ao cárcere para entrevistar ao monstro. A este pareceulle tan bonito todo aquilo que decidiu seguir adiante. Naturalmente, para conseguilo, tivo que estudar.

Tratábase de facer verosímiles as súas explicacións, o cal só era posible estudando as páxinas de sucesos dos periódicos. Mentres tanto, elevado á categoría dun mito, o número un do crime mundial, Lucas sentíase tan importante como Elvis Presley. Un día acordou do seu soño: esperábao a cadeira eléctrica. Entón púxose a desmontar os asasinatos un por un, ata quedar só co da súa nai, que tampouco parece claro. Polo visto, Lucas está triste porque xa non sae na televisión. Eu creo que é agora cando tiña que saír.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de setembro de 1996.