La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai unha frase inglesa que di: “The spirit is willing, but the flesh is weak”. É un dito que tamén temos nós: “O espírito está disposto, pero a carne é débil”. Agora ben, como é sabido, a palabra inglesa spirit significa “espírito”, pero tamén “alcohol”, un dobrete que se dá noutras linguas europeas e que aparece, aínda que un pouco transformado, nesas bebidas que nós chamamos espiritosas. Son estas mesturas de significados as que volven tan difíciles ás veces as traducións, sobre todo no campo literario.

No mundo da diplomacia e da política, especialmente na prosa dos acordos e tratados internacionais, unha soa palabra pode entreter a tradutores e diplomáticos durante días ou meses. É moi importante. Calquera equivocación pode dar lugar a desputas interminables ou a conflitos semánticos de solución case imposible. Por iso se pensou hai anos na máquina de traducir.

O que sucede é que a citada máquina resultou ser un desastre. A frase inglesa que mencionamos máis arriba foi traducida por un destes aparatos da seguinte maneira: “O vodka é bo, pero a carne está podre”. Un disparate. Hai que supoñer que se os resultados son deste estilo, a máquina de traducir non se debe utilizar aínda moito nas relacións internacionais. De todos os xeitos, en vista de como transcorren as cousas nos  últimos días, non sería improbable que todo se basease nun inmenso error de tradución.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de setembro de 1992.