La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois das sesións literarias, leváronnos a Llanes, que queda a uns quince quilómetros da Casona de Verines, onde se celebran os encontros de escritores. Estabamos invitados, como outras veces, pola Fundación Príncipe de Asturias. A cea, que foi exquisita, transcorreu moi agradablemente, como adoita suceder nestes casos. Eu pasei un par de horas escoitando a Graciano García, o noso anfitrión, que estivo contando como naceu a institución que dirixe. En parte, naceu como unha novela.

Despois da cea, antes de retirarnos a durmir, fixemos a tertulia de cada noite no salón do hotel. Como pertenzo á especie en extinción da xente que nunca ten présa para ir á cama,  quedei ata moi tarde, falando de Josep Pla con Vinyet Panyella. Non estabamos de acordo en case nada, pero pasámolo ben, mellor que os que durmían.

Por certo que marchei para o cuarto rindo eu só. Acordábame da intervención de Bieito Iglesias, que foi magnífica, aguda e chea de humor, tanto que suscitou as gargalladas continuas de todos os asistentes. O escritor galego fixo dúas citas lapidarias, dignas de Shakespeare. Unha, da actriz María José Cantudo: “Cando me aburro, tiro un tabique”. Outra, dun turista sexual en Cuba, que desprezado, humillado e insultado por unha mulata, respondeu resignado: “Mátame, se queres. Para iso vin eu aquí”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de setembro de 1997.