La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pregunteille a unha amiga miña que entende de bechos canto tempo vive unha mosca. Quedou bastante sorprendida, non pola pregunta, senón porque nunca antes pensara niso e polo tanto non sabía que responder. Eu de moscas non sei nada, aínda que unha vez, hai moitos anos, por un asunto relacionado cunha novela, tiven que aprender algunhas cousas. Por exemplo, como despegan para voar. Primeiro moven as ás e afirman con forza as seis patas no chan, logo apóianse en tres e por último impúlsanse cara arriba valéndose unicamente dunha.

Tamén aprendín que as moscas comúns non pican, senón que lamben, o cal está en contradición coa experiencia, polo menos coa miña, que teño recibido picotazos de órdago. O de preguntar canto viven veu precisamente de que estes días andan rabiosas. Coñezo a unha que leva tempo metida no meu coche e non consigo desfacerme dela. A ver se morre dunha vez, como é a súa obriga, pois non serve para nada bo, nin sequera para lamber. Hai xente que tamén pica, e moito, pero non é menos certo, por fortuna, que aínda quedan moitísimos lambóns.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de setembro de 2000.