La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estabamos ceando un grupo de amigos nunha casa particular, cando á hora do café, o anfitrión sacou do peto da chaqueta unha caixiña redonda de prata, cuns adornos gravados en forma de follas vexetais, extraeu de dentro unha pastilla de color amarelo, levouna á boca e seguiu falando. A todos nos gustou tanto a caixa que, sen dicir nada, mentres seguía a conversa, fómola pasando de man en man, xogando con ela entre os dedos e mirándoa con atención. A curiosidade era tan evidente, que non lle pasou desapercibida ao propietario.

Díxonos que era unha herdanza familiar e que había uns meses, un dos seus fillos, que agora ten cerca de vinte anos, lle confesou que ese pequeno obxecto constituíra para el unha obsesión cando era neno. Parecíalle tan fermosa que soñaba con que algún día chegaría a ser del, coa esperanza de meter un reloxo no interior.

Naqueles anos da infancia, o rapaciño preguntáballe ao pai con frecuencia que lle ía deixar cando morrese. Este, cada vez máis irritado pola pregunta, respondía con desgana sempre da mesma maneira: deixaríalle a casa na que vivían. Nunca lle dixo, en cambio, aquilo que o fillo quería escoitar e que a el nunca lle pasou pola imaxinación, é dicir, que lle pasaría en propiedade aquela caixiña de prata. Agora, ao cabo dos anos, o mozo no que se converteu aquel neno, xa non pensa igual. O tempo acaba coas mellores ilusións.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de setembro de 1995.