La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde estiven lendo a historia dunha muller que se chama Mary Bell, que agora ten arredor de corenta anos e que foi moi famosa cando acababa de cumprir os dez. Filla dunha prostituta arrastrada e sen moral, pasou toda clase de calamidades, desde envelenamentos cando contaba apenas tres anos, ata caer por una fiestra desde un terceiro piso pouco tempo despois. O peor, non obstante, foi a violencia sexual que padeceu, sendo unha neniña, co consentimento da súa propia nai, que llela entregaba aos clientes sen importarlle en absoluto o que pasase con ela. E pasaba todo canto unha fértil imaxinación pode supoñer e aínda máis, moitísimo máis.

A fama de Mary Bell veulle de que, aos dez anos de idade, matou dous nenos de tres e catro. Non foi un accidente, senón un crime deliberado, cruel e terrible. Tampouco constituíu unha sorpresa para ninguén cando se soubo que aquela rapaciña era a coautora dun feito tan espantoso. No barrio, todos cantos a coñecían, tiñan dela opinión de que se trataba dunha nena mala, perversa, sen conciencia.

No xuízo que se celebrou entón, a ninguén se lle ocorreu mellor solución para recuperar aquel pequeno monstro que pechalo entre catro paredes: primeiro nunha institución especial, pero logo, cumprida a maioría de idade, nun cárcere para adultos. Está claro que non debe ser fácil resolver a cuestión do que hai que facer cunha nena malvada que asasina dous infelices máis pequenos ca ela, pero non parece difícil aceptar que a prisión non semella o lugar máis adecuado. Iso por non falar do resto, é dicir, de por que unha neniña bonita, en vez de vivir no candor dos dez anos, se converte nun ser repugnante. Alguén lle tivo que roubar a inocencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de setembro de 1999.