La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A tradición quería que no congreso de escritores de Verines os contadores de historias montasen unha tertulia ata ben entrada a madrugada no salón do hotel, na recollida praia da Franca. Este ano houbo unha rebelión dos poetas. De maneira que o primeiro día pola noite, despois de cear, foron eles os que se converteron en protagonistas da velada. Non se lles ocorreu outra cousa que escribir a coro un soneto golfo. Cando eu marchei para a cama, aínda non pasaran do primeiro cuarteto, que lles quedaba un pouco brando.

Onte, cando chegou a ministra de Cultura, estaban todos presentes, coas marcas do esforzo pegadas nos ollos. Pregunteille a Antonio Martínez Sarrión polo resultado do traballo e puxo unha elocuente cara de resignación. Os intentos de encontrar un consonante que rimase sen ripios con “morlaco” estancounos na palabra “sobaco”.

Nos primeiros relatorios da mañá quedou claro que o tema do labirinto, obrigado para todos os participantes, está cheo de trampas. Deume a impresión de que resulta fácil perderse polos seus corredores e que non será doado encontrar unha saída. Desde o principio, hai dúas posturas moi marcadas: a dos que pensan que a literatura pode axudar a xente a saír do labirinto da vida e a dos que están convencidos de que a literatura forma parte tamén do propio labirinto. Na miña intervención defendín a última das teses.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de setembro de 1994.