La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos celebrouse en París unha exposición de obxectos inútiles, inventados por xente para a cal non importa tanto o sentido práctico das cousas como a graza que estas poden ter. Había unha cadeira para limpar os dentes: abondaba con sentarse, abrir a boca e agardar que unha serie complicada de brazos articulados fixese todo o demais, é dicir, poñer a crema no cepillo, introducir este no seu sitio e iniciar os movementos necesarios para completar o labor ata o final. Que se saiba, o invento nunca chegou a prosperar.

Periodicamente aparecen no mercado artiluxios que non serven para nada; só tratan de substituír aparatos de función perfecta, pero tan simples que custa entender que non se poidan mellorar. É o que sucede co sacacorchos, por exemplo. De cando en vez, xorde un substituto que dura o pouco tempo que lle corresponde a un simple capricho.

Estes días fálase moito da parada extravagante que fixo un porteiro de fútbol en Londres, durante un partido de fútbol internacional: tirouse de cabeza, en posición paralela ao chan, deixou pasar o balón por riba do corpo e despexouno cos talóns. Foi o delirio, non só do estadio, senón das casas de medio mundo, grazas á televisión. Onte mesmo, nun periódico de Madrid, un adestrador de fútbol argumentaba con contundencia e seriedade contra esa parada, que consideraba inútil. Na miña vida lin un artigo máis innecesario.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de setembro de 1995.