La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Levo unha tempada lendo os artigos dun periodista madrileño que escribe cunha agresividade case cómica. Recórdame a un compañeiro meu da escola que tiña unha lingua espantosa, sempre a dicir maldades de todo o mundo, como se estivese en guerra permanente co planeta. Non sei por que razón, o branco preferido dos seus ataques era un rapaz algo maior ca nós, de nome Benito, que ía a outra escola e do que proclamaba en voz alta unhas barbaridades tremendas. Un día dixo del que era burro ata nos pulmóns.

O periodista do que falo escribe con saña. En pouco máis dun mes, lévolle contado as veces que empregou a palabra bobo aplicada a distintos personaxes da vida pública española, aos que acusa de dicir estupideces, e estase achegando á docena. Outras palabras que utiliza moito son mamarracho, idiota e incompetente.

O curioso é que eu coñezo ao furioso e, visto de cerca, máis ben parece algo infeliz. Non o imaxino, entre outras cousas porque é pequeno, tirando a esmirriado, dicíndolle esas enormidades na cara a algúns dos insultados, especialmente a un deles, que é alto e forte, quizais un pouco bruto. Recórdame a aquel compañeiro meu, que sempre falaba pestes do tal Benito, un rapaz con fama de forzudo, ata que un día o atopou de fronte e por medo a que lle pedise contas, botouse a correr cara a el e deulle un abrazo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de setembro de 1996.