La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese personaxe chamado O Carallete, do que xa teño falado quí noutras ocasións, amigo do pintor Xavier Pousa, ademais de interesarse pola política internacional, tiña tamén a preocupación das viaxes espaciais. Antes de que os americanos chegasen á lúa, andaba el preocupado por esa cuestión, tanto que estaba convencido de que o lugar adecuado para ir ata alá estaba preto da Guarda, nas proximidades do Miño, onde vira unha vez o satélite a rentes do chan: “É a ocasión de entrarlle raso”, dicía.

Por aquela época, O Carallete defendía a primacía dos rusos sobre os americanos, ou o ruso e o americano, como falaba el, debido a unha cuestión técnica. Segundo explicaba, a cousa dependía de que os primeiros andaban xa pola soldadura autóxena, mentres que os ianquis aínda seguían andando polo parafuso.

Confeso que cando eu era estudante en Santiago, os rapaces progresistas pensabamos algo parecido respecto da Unión Soviética: era o modelo que había que seguir. A primeira vez que visitei aquel país decateime dos disparates que un pode defender con boa fe. Supoño que se O Carallete vive aínda e le os periódicos, verá que os rusos, tantos anos despois, son os que están no parafuso, como se desprende das desgrazas que lle suceden á nave esa que anda por aí. Parafuso por parafuso, o que nos debía de faltar a nós.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de setembro de 1997.