La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo verán do ano 1964, percorrín en moto co padre Antoni Totosaus, un cura catalán, as montañas do sur da provincia de Ourense. No lugar da Xironda, na raia con Portugal, coñecimos unha rapaza intelixente, pequena e guapa, pero analfabeta, que estaba convencida de que os comunistas eran caníbales, en parte pola similitude que ela descubría entre os sons iniciais das palabras “comunista” e “comer”. Custounos traballo convencela de que non era certo e tampouco estou seguro de que o conseguísemos.

Debeuse convencer máis adiante, cando marchou a servir a Barcelona e onde acabou sendo profesora e comunista, ambas as dúas cousas por influencia do cura Totosaus. Gustaríame saber que contas botaría estes días, se é que leu esa noticia de que os comunistas chineses comeron xente durante a famosa revolución cultural.

A revelación coincide coa aparición, polo menos en Vigo, dunhas pintadas perfectamente realizadas con plantilla, nas que algún grupo político radical invita o pobo a comer ricos. Confeso que sentín frío nas costas, non pola posibilidade de acabar servido nunha fonte, pois supoño que ninguén me incluirá no grupo dos comestibles, senón pola regresión brutal que iso supón nos gustos gastronómicos dun país ata agora tan mirado nas cousas de comer. Habendo sardiñas, por exemplo, comer xente non deixa de ser un disparate.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de setembro de 1994.