La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de ler nos periódicos que unha determinada emisora de radio que se caracteriza pola difusión constante de boas recomendacións para salvar a alma, acaba de contratar un coñecido locutor deportivo por unha cifra que entre pitos e frautas anda rodando os setecentos millóns de pesetas*. Aínda recoñecendo a legalidade da operación, que se basea na liberdade de ambas partes para establecer o prezo que mellor lles conveña, tales cifras exceden con moito os números do Evanxeo.

Como é sabido, nese texto sagrado, as cuestións económicas pican sempre cara abaixo, mesmo cando o malvado de Xudas vende ao seu Señor, que entrega por unhas poucas moedas. É lóxico que sexa así porque o cristianismo ensalza a pobreza, predica a humildade e defende a aqueles que son capaces de renunciar a todo polo reino dos ceos. Por iso os números do Evanxeo son sempre pequeniños.

Setecentos millóns asustan e case escandalizan. Un sabe, por suposto, que nestas cuestións contan factores que proceden do mundo frío da economía e que o contrato do periodista de que falo pode estar perfectamente xustificado como unha correctísima operación mercantil. Pero a un gustaríalle que os rectores desa emisora que fala con tanta insistencia en contra do materialismo que se está apoderando da sociedade española non entrasen nesa loucura de cifras tan pouco edificantes.

 

(*) Algo máis de 5 millóns de euros a día de hoxe, aprox., actualizando a inflación (n.d.e.)

 

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de setembro de 1992.