La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde mañá e ata a primeira semana de outubro, estes artigos de cada día enviareinos desde Nova York. Vou pasar alí cinco semanas. Escuso dicir que marcho contento porque, como xa dixen aquí moitas veces, é unha cidade que me gusta e na que teño pasado algunhas das horas máis gratas da miña vida. Aos que non coñezan esta urbe inmensa poderalles parecer que se trata dun gusto raro ou extravagante, pero aqueles que teñan estado nela algúns días, aínda que sexan poucos, estarán de acordo comigo, coas excepcións inevitables, por suposto. De maneira que nos próximos días irei contando, que sempre haberá algo que contar.

Agora ando liado coas maletas, por máis que non as faga eu. Quero dicir que hai que escoller moi ben as cousas que se van necesitar, non as de tipo práctico, senón as outras, os libros para preparar as clases, os libros de ler no avión, as libretas para tomar notas. Un acostúmase tan facilmente ás comodidades da técnica que lamenta que todo isto non se poida enviar por un aparato parecido a un fax.

Levo varios días punteando no The New Yorker esa sección onde veñen anunciados os concertos, as exposicións, os teatros e as películas de cine. A oferta é tan abundante que forzosamente hai que escoller. Por outra parte, ademais de todo iso, haberá que dar as clases, ver os amigos, andar pola rúa papando a mosca, descansar algo na casa, facer as compras no supermercado, ver algúns programas na televisión. Ou sexa, que haberá que vivir. Confeso que nisto non teño xerarquías e que, polo tanto, podería cambiar un concerto por unha conversa ou un xantar por un libro. Os fanatismos non son bos para nada. E menos para pasalo ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de setembro de 1998.