La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antes de onte pola noite vin na televisión a un señor que traballa de obra de arte. Non é que sexa especialmente bonito (a min me pareceu máis ben feo), senón que exerce esa profesión. Polo que entendín, pertence a unha galería de Oviedo, aínda que non sei como será ese tipo de propiedade desde o punto de vista xurídico, pois ninguén pode ser dono dunha persoa polo mesmo procedemento que calquera ser humano exerce de propietario dunha galiña,dun can ou dun gato. No fondo, supoño que será unha cousa parecida aos futbolistas.

O caso é que a citada obra de arte foi reclamada para ser exhibida nunha galería de Estocolmo, o mesmo que se fose un Dalí ou un Picasso. O traslado fíxose seguindo a normativa legal, con coidadores, transporte especial e medidas de seguridade. Tamén cun certificado do Ministerio de Cultura no que dicía que a obra se compuña de auga, calcio, fósforo, xofre e sal. Non é que iso non sexa certo, pero debían engadir algo máis: a alma ou como se chame o que falta. Sobre todo, porque podería haber dificultades na aduana.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de agosto de 2000.