La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na residencia para escritores onde vivimos estes días, en Wannsee, cerca de Berlín, hai varios colegas alemáns de distintas idades, aínda que predominan os novos. Algúns levan aquí cinco meses, que é o tempo que dura a bolsa que lles conceden, e son xente discreta e pouco ruidosa. Metidos nos seus cuartos, pasan as horas escribindo, conscientes de que nun ambiente tan propicio e confortable como este, á beira dun lago e afastados do barullo da cidade, teñen tempo de abondo para rematar un libro.

Chama a atención o silencio que hai na casa. Mesmo un ten a sensación de ser o único morador que habita nela, se non fose porque algunhas veces coincidimos no corredor á hora do almorzo ou porque polas noites, antes de durmir, nalgúns dos salóns do piso baixo  organízanse tertulias, a verdade é que pouco concorridas.

Onte, despois de cear, estiven de conversa cun par de escritores alemáns, un deles que se despedía, pois xa levaba aquí desde primeiros de abril. Pareceume que son xente torturada polo pasado do seu país, avergonzados do que sucedeu, cunha mala conciencia da que non se poden desprender. Aínda que eles non son os responsables, saben que durante varios anos o crime, o horror e o espanto foron alemáns. Con todo iso detrás, dicía un deles, resulta moi difícil sentirse orgullosos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de agosto de 1993.