La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte faláronme dun individuo que leva unha axenda na que ten elaborada unha lista de malas persoas. De primeiro figura, polo visto, un señor que lle chamou microbio nunha tertulia, na súa ausencia. Ata aquel día eran amigos, pero desde entón colleulle unha carraxe tan grande que, ademais de situalo á cabeza da lista, dedícase a denigralo de maneira sistemática. Unha das infamias que vai contando del por aí consiste en asegurar en voz baixa, como se fose un segredo, que o tal señor rouba queixos nos supermercados.

Non sería demasiado grave se non fose porque o acusado é unha persoa de relevo social e incapaz de facer unha cousa semellante. O que sucedeu foi que un día colleron a un neto seu,  xunto con outros mozotes, arramplando co citado produto nuns grandes almacéns e que o avó acudiu ao lugar para resolver o problema.

Non é a única calumnia que o da axenda lle colga ao seu inimigo. Por exemplo, di que este non se ducha nunca e que ten roña nos pés, tanta e tan negra que podería aforrar os calcetíns sen que se notase. Para darlle credibilidade á acusación recorda que fixeron a mili xuntos. Naturalmente, todo o mundo sabe que se trata dun odio pintoresco, ineficaz, polo tanto, para as pretensións do anoxado. Eu non o coñezo de nada nin quixera ofendelo, pero empezo a pensar que o de microbio non debe andar moi desacertado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de agosto de 1996.