La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde hai uns días teño un problema con Buba, unha das cadelas da casa. Por algunha razón que descoñezo, cando lle poño a comida, non come. O que fai é cheirala, remover un pouco nela cos fociños sen probar bocado e logo deitarse a dous ou tres metros do barreño, manténdose pendente del, pero sen intención ningunha de inxerir o seu contido. A simple vista, non parece que a cadela estea enferma, pois segue a facer festas coa xente, corre dun lado para outro polo xardín, espanta os gatos intrusos e ladra con forza cando escoita a outros cans do contorno.

O que máis me amola non son os problemas que poida ter de saúde, os cales dou por inexistentes, senón un feito que me desagrada por absurdo. Cada vez que entro na casa e paso á beira da comida da cadela, esta érguese para protexela, talmente como se pensase que eu lla quixese comer. Era o que faltaba, que un animal crese iso de min. Ignoro que mecanismo a leva a actuar dunha maneira tan estúpida. Ela non sabe as traxedias que poden saír de malentendidos como este. Polo menos entre persoas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de agosto de 2000.