La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu de loros non sei nada, por máis que teña escoitado moitas historias deles, sobre todo daquel famoso que había nunha botica en Pontevedra, do que aseguran que lle chamou golfa, pero de forma máis dura, a dona Emilia Pardo Bazán. En xeral, paréceme que a xente que fala destes paxaros esaxera. Polo que me concerne, os que coñecía non dicían máis que esas tonterías que todo o mundo sabe, é dicir, “lorito guapo” e outras polo estilo, coa excepción dun que me presentaron en Sarria durante unha cea e que falaba algo máis.

Onte, un amigo de Ourense estívome contando peripecias dun loro portugués, propiedade dunhas tías. Polo visto, e non teño motivos para dubidar da palabra do meu interlocutor, rezaba o rosario en familia e recitaba outras oracións, seguramente por influencia das donas, que eran xente relixiosa. Como é lóxico, nunca dicía pecados.

O máis divertido da historia era o ben que o meu amigo imitaba a voz do loro, especiamente á hora de reproducir os rezos en portugués. Se comprendín ben, o bicho debía ter unha voz de seda, quizais algo madamita, pero doce e suave, como de monxa noviña, un pouco infeliz: a viva estampa dun animal tranquilo e caseiro, ao cal soamente lle faltaba calcetar. Cando eu xa imaxinaba, polo tanto, un ser educado, boa persoa e xentil, vai o meu amigo e dime de golpe que o loro era caníbal. Vese que nunca se pode fiar un.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de agosto de 1995.