La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí da afección de Nikita Kruschev polas palabras gordas, un costume que non ocultaba nin sequera en público, polo menos en reunións restrinxidas, aínda que estas fosen con diplomáticos doutros países. Esa maneira de falar, entre a mala educación e a espontaneidade, non é rara nos políticos, por mais que en xeral a reserven para a intimidade. O meu amigo Paco Uriz, que era intérprete de Olof Palme para asuntos hispanos, fíxome algunha confidencia sobre o político sueco asasinado. Non falaba mal, pois en Suecia ninguén emprega ese tipo de palabras, pero fumaba sen parar, cousa que nunca facía en público por razóns de imaxe.

Hoxe sabemos, por cintas e outros documentos, que Nixon dicía unhas burradas tremendas dos seus adversarios. Unha das súas expresións favoritas era “bastardo”, que en inglés soa peor que en  español, e “fillo de tal”, que nunha ocasión utilizou para referirse  ao mesmo Kennedy. Este, non obstante, só recorría aos tacos cando falaba de mulleres, un tema que, como din en Cataluña, lle facía perder o oremus.

Con todo, á persoa peor falada do mundo coñecina eu en Estocolmo, hai xa bastantes anos, nunha cea en casa duns amigos. Andaba polo medio un señor pequeniño, miúdo e nervioso, con aspecto de virulillas, simpático e aloucado, un verdadeiro terremoto. Dicía unhas blasfemias en castelán que a min me fixeron temer pola súa vida, pois cheguei a pensar que Deus en persoa o ía fulminar cun raio en calquera momento, tan bruto era. Dixéronme que se trataba do xeneral Modesto, aquel da guerra. Saín de alí admirado da paciencia do Altísimo, que aguantou a pé feito aquela loucura. Eu non aguantaría tanto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de agosto de 1997.