La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí do tenderete que vin o outro día en Panxón, no que vendían versos. Esquecín dicir que se chamaba “Cirano, S. A., poemas por encargo” e que o prezo, ademais de estar expresado en pesetas, aparecía tamén en euros. Se non recordo mal, polo que respecta a esta moeda, eran uns sesenta céntimos. O venres pola noite, instaláronse de novo no paseo marítimo. Cando os descubrín, pasaba da unha e media da mañá e alí estaban atendendo os clientes, que seguían sendo, como sucedera o día anterior, xente nova, igual que os propietarios. Estes, unha mociña e dous mozos, comportábanse dunha maneira seria, profesional.

Fixen o que non fixera a primeira vez, que foi converterme en cliente, en parte porque tiña curiosidade por saber algo máis. Ocorreu, non obstante, que cando ía formular a miña peti- ción, un dos poetas me advertiu de bos modos, pero dun xeito terminante, que había que respectar a vez. Non me decatara de que naquel momento había uns rapaces sentados diante deles, agardando. A distancia prudente que me impuña a cortesía impediume escoitar unha soa palabra do que falaban os titulares do negocio cos demandantes dos versos por encargo.

Só me fixei en que un daqueles, precisamente o mozo que ocupaba o centro, manexaba unha libreta de boa aparencia, quizais de coiro con cantos dourados ou algo semellante. Finalmente, optei por marchar, máis que nada pola urxencia que traía un dos amigos que me acompañaba. Con todo, non descarto volver un día destes. Se chego a tempo, pedirei un poema dedicado a un verán feliz. Sería para colgar no meu estudio, como se me prestasen o sol para axudar a pasar o inverno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de agosto de 1998.