La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eran dous nenos xogando na praia, un con cara de abisinio, pelo pincho e mocos caídos: un terremoto. O outro, máis tranquilo, quizais un infeliz na vida diaria, pero seducido naquel momento pola actividade atolondrada do compañeiro, ao cal imitaba sen graza e da peor maneira posible, é dicir, tirando area ao aire, pisando por riba da xente e berrando como calquera animal molesto e salvaxe. Arredor deles, as persoas maiores seguían o espectáculo con fastío, cunha irritación cada vez máis clara e visible.

Sen dúbida, o pai do primeiro dos nenos era un tipo que descansaba á sombra dun parasol, pois ambos resultaban cuspidiños: o mesmo tipo de pelo crecho e imposible, as mesmas cellas abarrotadas, a mesma cara de bruto. Tan burro que non se decataba da tensión que se estaba creando por culpa do seu fillo, ou non lle importaba. Ata que un señor se ergueu enfadado para rifarlle ao pequeno.

Naturalmente, armouse un pequeno follón. O cidadán ofendido, sempre correcto, limitouse a recordar unha regra elemental da convivencia: non se pode molestar aos demais nun lugar que é de todos. O outro, en contradición coa aparencia un pouco primaria do seu aspecto, púxose culto e responsable. Recordounos a todos que estabamos nunha democracia e que podiamos cambiar de sitio. A Deus grazas. Peor sería que nos prohibise movernos de alí ou que nos pegase.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de agosto de 1993.