La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nun periódico a noticia de que se acaban de publicar en Alemaña varios libros sobre Milena, a amante de Franz Kafka, do nacemento da cal se cumpriron cen anos este sábado. Non é certo que se soubese pouco da vida desta muller. Había xa un libro espléndido, escrito por Margarete Buber-Neumann, que foi a súa compañeira de infortunio no campo de concentración nazi de Ravensbrück, onde morreu menos dun mes antes de que os aliados puxesen fin á maldade de Hitler e os seus seguidores.

Polo libro de Margarete sabemos como foron os últimos días de Milena. Polas noites, retorcéndose de dor sobre o xergón da cama, dicía: “¡Ai, se puidese estar morta sen ter que morrer…!” Outras veces pedíalle á súa amiga que non a deixase morrer soa como un can. Finou o 17 de maio de 1944, despois dunha operación.

Da súa relación con Kafka quédannos as cartas. Foi unha relación difícil, case imposible. Ela vivía en Viena co seu home, Ernst Pollak, un imbécil a quen amaba a pesar das moitas faenas que lle facía, incluso meterlle amantes na casa, pero tamén quería  ao escritor, co cal se encontraba a escondidas. Mentres o marido pontificaba nos cafés, Milena, que era periodista, fregaba pisos para axudarse. Aínda así non tiña roupa. Un día escribiulle a Kafka: “Só teño dous vestidos, pero síntome bonita”. Milagres do amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de agosto de 1996.