La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A Leda, a cadela labrador, saíulle un vulto enorme nun costado, detrás da perna dereita de adiante, e houbo que levala ao veterinario. Polo visto, tiña líquido dentro e era necesario abrirlle o saco para que drenase ben e evitar a infección. A intervención durou case unha hora e foi feita a pelo, é dicir, sen anestesia nin calmante de ningún tipo, a pesar de que consistiu en darlle un corte de bisturí na pel, dun par de centímetros de lonxitude, bastante doloroso, segundo a rapaza que realizou a operación. Sorprendeume, porque é a primeira vez que me vexo nunha destas, que non atasen o animaliño, senón que mo mandasen coller a min, coma se fose un neno.

Polo que puiden observar, nin iso era imprescindible, pois a cadela estivo tranquila todo o tempo, igual que unha señora maior que fose capaz de aturar con tranquilidade as perrerías que lle facían para curala. Só de cando en vez, cando a dolor debía ser máis intensa, se atrevía a amosar un lixeiro xesto de contrariedade, pero reservado para si mesma, nunca con hostilidade nin con indignación.

En poucas ocasións vin a ninguén tan sufrido nin tan estoico nin tan digno. Mesmo daba a impresión de que sabía que todo aquilo que estaba pasando era polo seu ben e que debía colaborar como colaborou. No remate, cando a baixamos da mesa de metal, sentouse no chan con idéntico estoicismo e estivo esperando pacientemente mentres a veterinaria me explicaba como había que facerlle as curas e a que horas e en que doses lle había que dar a medicación. Logo, marchamos no coche para a casa. Nada máis chegar, aproveitando que estaba só, deixeina botarse nunha cama, cousa que ten prohibida. Mesmo me deron ganas de contarlle un conto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de agosto de 1999.