La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A cousa non parece difícil de entender. A principios de século, a Praza de San Marcos, en Venecia, inundábase unhas seis veces ao ano. En 1989, ese fenómeno ocorreu unhas corenta veces e, recentemente, en 1996, arredor de noventa e nove. Non pasa nada, segundo os expertos, se a pedra de Istria das casas e pazos da cidade se humedece algunhas veces ao ano, pero se isto sucede todos os meses, como veu ocorrendo na última década, entón o asunto cambia bastante: a auga salgada penetra por capilaridade na pedra e esta acaba partindo. Esa é a razón de que Venecia se estea caendo materialmente, como avisan as persoas que queren salvala.

O remedio, polo visto, consistiría en colocar unhas barreiras flotantes na entrada do lago, invisibles con bo tempo, para defender a cidade das acometidas furiosas do Adriático, responsable último das cheas e as inundacións. A este remedio chámanlle Proxecto Moisés, pero leva parado máis de vinte anos, sometido a duras críticas por parte dos ecoloxistas, algúns técnicos, políticos e non poucos cidadáns.

Polo tanto, se non se remedia, Venecia desaparecerá en pouco tempo, quizais en menos de cen anos. Coincidindo con este diagnóstico pesimista, na primavera pasada, na cidade de Los Ángeles, un grupo de empesarios puxo en marcha unha réplica exacta da cidade italiana, pero en realidade virtual, é dicir, a base de ordenadores, imaxes e sons. Parece que funciona moi ben e que o público está feliz de poder dar un paseo en góndola por debaixo da Ponte dos Salaios, aínda que non haxa góndola nin ponte nin salaios. De momento, xa houbo xente que se indignou. Mellor que se indignasen cos que están permitindo que Venecia se desfaga.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de agosto de 1999.