La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Seguimos de funerais. Primeiro, José Ángel Valente, logo Carmiña Martín Gaite, agora Eladio Cabañero. Moito temo que deste último se falará menos, a pesar de que era un gran poeta. Nacido en Tomelloso, patria fértil en escritores, antes de trasladarse a Madrid, exerceu oficios manuais, entre eles o de albanel, e foi agricultor, traballando desde neno nas viñas do seu avó. Logo entrou como empregado na Biblioteca Nacional e acabou nunha coñecida editorial madrileña. Durante anos foi asiduo das tertulias do Café Gijón.

Hai moito tempo que andaba mal, segundo me informaban os amigos, como o poeta Diego Jesús Jiménez, que o admiraba e o quería. Eu fun lector dos seus versos desde a miña época de estudante en Santiago, cando xunto con Arcadio López-Casanova, recitabamos en voz alta os seus versos. Aínda recordo algúns. Con eles quero rematar esta pequena nota de lembranza: “Ved que el pan es muy amigo de los niños y de los pájaros. Y porque los criminales y los renegados aman el pan y a sus madres”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xullo de 2000.