La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os cataláns están facendo unha campaña internacional de imaxe aproveitando a circunstancia irrepetible dos Xogos Olímpicos. En fronte deles, uns políticos excesivamente sensibles a todo canto teña que ver coa identidade catalá denuncian a acción do goberno daquel país con cualificativos que recollen desde a indignación ata o estupor, ademais doutros sentimentos, entre os que poucas veces se atopa a comprensión. De momento, dicir que Barcelona está nun país chamado Cataluña e que ese país está en España non debera sorprender a ninguén,aínda a aquelas persoas que se irritan coa ambigüidade certa, polo menos noutras ocasións, do señor Pujol.

Atribuírlle veleidades independentistas ao presidente da Generalitat non parece razoable. É certo que o citado político ás veces xoga de xeito calculado coa linguaxe nacionalista, pero non é máis que un xogo. Con el pretende atraer cara ao seu partido unha parte do electorado que aínda non superou todo canto quedou superado co Estatuto de Autonomía: aquel receo nacido na transición, cando aínda non se sabía se o reparto territorial do poder era de verdade ou un simple caramelo para enganar a uns cantos.

Desde entón, a Jordi Pujol sempre lle gustaron esas operación de imaxe destinadas a situar a Cataluña no mapa internacional e encamiñadas a crear unha firme conciencia de orgullo catalán. Non está mal. Unha delas distribuíu polos periódicosde medio mundo un slogan que dicía: Somos seis millóns. Os espíritos volterianos do catalanismo, sempre á beira da irreverencia, cando non na fronteira de seren tildados de traidores polo funcionariado pouco imaxinativo do poder, pero dispostos a non renunciar nin ao humor nin á intelixencia, contaban unha historia apócrifa e malévola. Nunha visita a China, despois de que Pujol dixese aquela frase, alguén lle preguntaba: ¿En que hotel están?

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xullo de 1992.