La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte citei aquí ao Chinquena, un señor da miña vila que nos alugaba bicicletas aos rapaces. Tamén corría nelas con bastante éxito. Formaba parte dun pequeno grupo de ciclistas que participaban en carreiras locais, sobre todo nas festas de verán. Un deles, que se chamaba Porfirio, pero que era máis coñecido polo nome de Poteiro, chegou a intervir na Volta Ciclista a España. Tiña mala sorte: chocaba contra os coches. Nunha ocasión meteuse contra un camión nas portas mesmas da vila, mentres adestraba no medio da néboa.

Estes corredores vestían de uniforme, empregaban bicicletas especiais, con cambios, e levaban bidóns con glucosa, igual que agora. Non obstante non eran profesionais. Na vida de cada díadedicábanse a outros oficios. Recordo, por exemplo, un rapaz que traballaba de canteiro e que, como ciclista, gañaba moitos premios.

A xente mirábaos con admiración, sobre todo cando estaban preparados na meta de saída, todos elegantes coa súa roupa especial. Unha vez presentouse, para competir con eles, un mozo dunha aldea veciña que se chamaba Xuca. Non o querían deixar participar porque viña cunha camisa branca, de vestir, uns pantalóns longos e zapatos normais. Por se fose pouco, a bicicleta non era de carreiras, senón de paseo. Correu como un  desesperado e ganou. Ao chegar, case pediu perdón polo triunfo: “É que se riron de min”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xullo de 1997.