La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Despois de todo canto se leva escrito sobre a Unión Soviética, non pareceu posible que se poida sorprender xa ninguén co relato do que significou o stalisnismo en termos de miseria moral e dor humana. Non obstante, un informe universitario, elaborado recentemente por investigadores rusos e españois, acaba de poñer en números redondos a barbarie levada a cabo polo ditador comunista contra o seu propio pobo. O citado informe asegura que Stalin foi responsable da morte de 56 millóns de persoas. É unha cifra asombrosa, máis propia dun cataclismo provocado pola natureza que do fanatismo e a crueldade dun político e os cómplices que o axudaron.

Hai quen está disposto a aceptar estes terremotos históricos como hecatombes necesarias. Un dos argumentos que utilizan os defensores desta tese é que a nosa sensibilidade se mostra moi receptiva para os mortos recentes, como sería o caso das vítimas do stalinismo, pero que en cambio se comporta dunha forma máis distante cando se trata de enxuízar episodios alonxados. O exemplo preferido polos defensores desta teoría é o da revolución francesa, que ninguén estaría disposto a cuestionar por razóns humanitarias.

O argumento é tramposo. Naturalmente que un pode ser menos sensible ao xulgar os mortos da historia que os contemporáneos, da mesma maneira que non sentimos impresión de ningún tipo á hora de recordar ou evocar a morte dos antepasados que non coñecimos. Non obstante, por moi resecas que estean as matanzas do pasado, ninguén as poderá liberar da carga dramática que tiveron. No fondo, o que sucede é que unhas mortes as xulgamos coa intelixencia, por exemplo as da Revolución Francesa, e outras coa sensibilidade, como sucede coas de Stalin. Claro que se a estas últimas lles aplicamos tamén aquel parámetro, atopámonos con que non serviron para nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xullo de 1992.