La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Despois do artigo de onte, recordando o querido amigo José Ángel Valente, volvo ao tema do tren. Hoxe quero falar do apetito dos escritores, que nas recepcións oficiais asaltaban as mesas como se fosen unha pandilla de famentos. Algúns amigos faciamos con frecuencia bromas ao respecto ata que un escritor armenio nos dixo con toda a delicadeza do mundo que a metade da xente que viaxaba no expreso, procedente dos países do Leste, non estaba afeita a aquela clase de luxos. Quedamos todos bastante cortados, mesmo avergonzados.

Posteriormente, un novelista ruso, que daba tamén clases na universidade, confesoume que coas dietas en dólares que recibiamos a diario para os nosos gastos podía vivir el no seu país durante dous anos. Esa era a razón de que nunca tomase unha copa nos bares dos hoteis, nin fose aos restaurantes.

De xeito que no tren había dous mundos, o cal resultaba humillante para todos: para os ricos, por parecer ostentosos; para os pobres, por parecer tacaños. Unha lección de historia. Polo menos para min.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xullo de 2000.