La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación cos inventores dos que falaba onte aquí, citei un señor que tiña patentado un artiluxio para pasar as follas dos libros sen usar as mans. Segundo me contou un fillo del, anos despois, o aparato funcionaba. Cando chegaba o inverno e o pai apañaba a gripe, metíase na cama ben acochadiño entre as mantas, colocaba á altura da cabeza unha especie de atril que arrincaba dunha das paredes do cuarto, suspendido por un brazo articulado, e púñase a ler. Ao acabar a folla, o mecanismo pasaba a páxina.

Este mesmo señor andou anos investigando nun cepillo de dentes automático, que non conseguiu resolver. Tamén pretendeu facer algo para evitar que as candeas das igrexas ardesen tan de présa e chegou a fabricar o prototipo dun abridor de latas eléctrico. Cando morreu, traballaba nun parachoques automático.

Non todos os inventores se contentan, non obstante, con estes enxeños de tipo práctico. Un cura da miña terra, que pasou media vida resolvendo con maña pequenos problemas deste estilo e que arranxaba calquera clase de reloxos, na última época da súa vida, cando xa era velliño, deulle por meterse en asuntos de transcendencia, incluso probando co inevitable movemento continuo. O que non esperaba ninguén é que se pegase un tiro na cabeza. Co diñeiro da patente quería acabar coa miseria do mundo. Estará no ceo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xullo de 1995.