La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu, que estivo de visita na casa hai un par de días, díxome que el sería incapaz de vivir no campo por culpa das moscas. Chamoume a atención o argumento e respondinlle que hoxe en día, sen vacas nin porcos, ese problema non é diferente do que sucede nas cidades, onde hai tamén moscas. Como non estaba de acordo, aseguroume que as da aldea eran máis gordas e que picaban máis e que resultaban moito máis perigosas porque andaban sempre entre restos de animais mortos e augas contaminadas.

O que entendín que quería dicir, non era tanto usar un dato obxectivo, como buscar argumentos a favor das súas preferencias. Das persoas que coñecín con máis aversión contra o mundo rural, o número un foi un parente meu que sostiña a teoría de que, no campo, había cobras dentro das casas. Dicíao con tanta convicción que eu, de neno, cheguei a estar seguro de que un día, cando me metese na cama, ía atopar unha víbora entre as sabas. Por iso lle rezaba todas as noites a Santa Mariña, vencedora da serpe.

Este parente meu era un grande admirador do escritor Miguel Mihura, que presumía de non se ter afastado nunca máis dalgúns centos de metros da Gran Vía. O que probablemente non  chegou a saber este familiar foi que a Mihura o levaron un día a descansar a unha aldea de Toledo por prescrición facultativa, segundo me contou Cela, e que, polo visto, o home, asustado do que vira, fuxiu para Madrid. Cando os amigos lle preguntaron a razón de tanto medo, dixo: “Es que los pollos andan crudos por las calles”. Iso aínda o recordo, pero agora non é así: hai tempo que os polos non andan polas rúas. Se por iso for, pódese vivir tranquilo nunha aldea.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xullo de 1999.