La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A propósito desa historia de Torrente Ballester da que falei onte aquí, cando unha nena lle pediu unha peseta de pipas, acórdome tamén dunha vez que estaba eu firmando libros nunha feira, hai xa bastantes anos, e achegouse un señor que me pediu que lle dedicase unha novela poñendo o meu nome na dedicatoria, non na firma. Como a cousa me parecía un pouco absurda, pregunteille a que se debía tal extravagancia e respondeume que todo era tan normal como sinxelo: chamábase igual ca min.

Desde entón, a este señor téñolle gastado mil xudiadas, todas sen querer, pero algunhas nada agradables, como o día que lle anulei un billete de avión desde Madrid a Vigo, cando unha azafata de terra, ao retirar a tarxeta de embarque, se atopou con que eu tiña reservados dous billetes ao meu nome. Creo que foi a peor.

A cambio, grazas a padecer algúns inconvenientes, este homónimo meu, que figura na lista telefónica co seu nome e apelido, tenme librado de contestar a non poucas preguntas. O que máis lle agradezo, non obstante, é que un día me aforrou ter que ler trinta novelas para un concurso. Mandáronllas a el por confusión, á súa casa, e tivo o acerto, ignoro se premeditado ou non, de non avisarme do equívoco ata a víspera da xuntanza do xurado. Naturalmente, eu non puiden votar porque non tivera tempo de ler.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xullo de 1996.